Un relato de Begoña Paz

Publicado hoxe en Luces (El País, edición Galicia)


UNHA OBVIEDADE




Bel prendeu o cigarro coa brasa do seu e ofreceumo. Mirei ao meu redor. Miña nai tivera que levar a avoa á casa. Ninguén parecía preocuparse de min- Non sexas parvo. Tómao. Tentei acomodar o cilindro entre os meus dedos. Leveino aos beizos, chucheino. Sentín o fume quente agarrándose ao meu estómago, como se me afrouxaban os xeonllos. Tiven que me apoiar na parede, botar o cigarro ao chan, pisalo.

-Vaia. Parece que non che sentou moi ben.

Arrastroume ata un pequeno sofá, do que desafiuzou unha parella de anciás para nos facer sitio.

-Non lles importa, verdade? O rapaz está moi afectado.

Fronte ao sofá, detrás do panel de cristal, estaba o tío Ignacio, vestido co seu mellor traxe. Por un intre pareceume ver nos seus trazos restos do feluxe que o matara. Cando menos tiña os ollos pechados. Busquei unha parede baleira á que mirar. Prégase non fumar. Bel seguiu a miña ollada. Sacudiu a cinsa que lle caera no colo, sinalou co cigarro a nube de fume que se alzaba sobre as nosas cabezas.

-Non vexo que o tomen moi ao pé da letra. -apuntou cara ao cadaleito- Mírao. Non fumou un só cigarro na súa vida. E velaí o tes, morto aos cincuenta e sete, cos pulmóns máis denegridos do que nós os teremos xamais.

-Non deberías burlarte. Era o noso tío.

-Tamén era un grandísimo cabrón -o cigarro bailaba entre as súas xemas manchadas de nicotina- Cres que Lola vai botalo de menos?

Mirei a miña tía, de pé no círculo de carpideiras, sorprendentemente serena. A dignidade en persoa aínda no medio dunha choiva de hostias.

-Aínda que así fose, está morto. Merece un respecto.

A miña curmá trazou co cigarro no ar o sinal da cruz

-E morreu, e perdoáronselle todos os pecados. Es un inxenuo, curmán. Espero que cando menos sexas un inxenuo feliz -adicoume un sorriso torto- Es?

Ollei ao tío Ignacio, as sombras nas súas meixelas. Pensei que se me achegaba dabondo poderíalle ver as unllas meladas, cheas de terra. Volvín a ollada cara ás miñas mans, suaves e brancas.

-Supoño que o son. E ti? Bel miroume de esguello. Logo virouse no asento, cara a min. Ulía a suor e a maquillaxe.

-Ves este cigarro? -púxoo ante os meus ollos, case rematado- Unha vez aceso, non hai demasiadas opcións: permanecer con el entre os dedos, gozando do simple pracer de sabelo teu, pero sen deixar que os beizos o toquen, chuchalo de cando en vez, conservalo todo o tempo entre os beizos, facendo que se consuma rapidamente, ata que a cinsa caia de golpe... Hai quen non sabe cando abandonar e deixa que o filtro lle abrase os dedos -inhalouno e logo botoume unha bocallada de fume á cara- Digamos que procuro que me dure todo o posible, digamos que non me importa moito queimarme -volveu a punta do cigarro cara á si mesma e soprou delicadamente nas brasas, avivándoas- Fagas o que fagas, consumiráse. Á fin e ao cabo, é só fume. Fume e cinsas. Non hai nada máis.



O último libro de Paz é As mellores intencións.


http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Unha/obviedade/elpepuespgal/20091016elpgal_20/Tes

0 comentarios: